COMPILADOR
Iglesias, Baldomero
Baldomero Iglesias Dobarrio, nado en Vilalba-Lugo o día 27-06-1951, cursa o bacharelato no Instituto de Ensino Medio de Lugo e a carreira de Maxisterio na Escola Normal da mesma cidade. É especialista en E. Física, Lingua Española e Lingua Galega. Actualmente é mestre de E. Secundario no Colexio Público de Xanceda-Mesía-A Coruña.

No ano 1972 participa na fundación do grupo musical Fuxan os Ventos no que permanece activo ata o ano 1982 en que o abandona para no 1984 cofundar o grupo musical A Quenlla no que permanece activo ata o momento.

É autor e arranxador de máis de 60 cancións galegas. Grava con Fuxan os Ventos os seguintes discos: Fuxan os Ventos, O Tequeletequele, Sementeira, Galicia canta ó Neno, Quen a soubera cantar e O Puff galego, primeira gravación dedicada ó ensino escolar da música con cancións tradicionais infantís. Co grupo A Quenlla grava: Os Tempos aínda non, non son chegados, Máis alá da néboa, Európolis 88, Terra, A casa que nunca tivemos, Nadal galego, Namórate da vida e Silencios na memoria, así como outro método de música para a escola editado por Sotelo Blanco.

Participa na banda sonora de varios vídeos sobre poetas galegos de onte e de hoxe editados por Ophiusa-Lugo.É coautor do libro de folclore nadaleño Galicia Canta ó Neno editado por Alvarellos en Lugo, e xunto a Xosé Luís Rivas Cruz, dos libros de contidos etnográfico e etnomusicolóxico: Contos de vellos para nenos, Somos Lenda Viva, Cantares de Cego I, Cantares de Cego II e un traballo que consta de dous libros vídeo como provocación, o primeiro, e como resultado da recolla provocada de folclore nadaleño polos colexios públicos de Galicia titulados A Carón da Escola I e II encomendados pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e editados por Ophiusa.

Ó longo de todo este tempo dá decenas de cursos de música popular para mestres, e arredor de dous centos de charlas divulgativas sobre folclore para público en xeral en asociacións culturais, entidades oficiais, institutos e colexios de ensino.

É autor así mesmo de numerosos artigos de temas etnomusicolóxicos en prensa e revistas.Desde o ano 1974 aproximadamente realiza traballos de recolla de folclore por todo o País Galego que o leva a posuír un denso arquivo sobre o mesmo. Así mesmo, cos grupos musicais de referencia anterior, dá centenares de concertos por aldeas, vilas e cidades do País, do Estado Español e do estranxeiro.