O APOI muda o seu enderezo dixital Imprimir Correo-e

A partir da última semana de marzo o APOI cambia o seu enderezo dixital. Estaremos en www.apoi.museodopobo.gal

 

O novo APOI, un repositorio dixital do patrimonio inmaterial de Galicia, creado polo Museo do Pobo Galego, ofrecerá ademais dos rexistros de música tradicional de que viña dispoñendo ata agora, pezas non musicais de interese antropolóxico.

 
O fondo Schubarth/Santamarina incorpórase ao APOI Imprimir Correo-e

O 27 de novembro asinouse a acta de doazón ao Museo do Pobo Galego do arquivo sonoro recompilado por Dorothé Schubarth, coa colaboración de Antón Santamarina, entre 1978 e 1983.

 

No ano 1978, a musicóloga suíza Dorothé Schubarth chega a Galicia para estudar a nosa música popular. Para o seu traballo contou coa colaboración de Antón Santamarina, doutor en Filoloxía e catedrático da Universidade de Santiago, que participou directamente na recollida, transcrición e análise dos textos. Coa parte máis substancial dos materiais recollidos no traballo de campo a Fundación Barrié inicia en 1984 a publicación en sete volumes, baixo o título Cancioneiro popular galego. Esta obra, que se axusta a un sistema de clasificación e estudo etnomusicolóxico inédito daquela por estas terras, constitúe un corpus fundamental para o coñecemento do noso acervo folclórico. http://www.fundacionbarrie.org/cancioneiro/

Foron cinco anos de traballo arreo por aldeas, montes e corredoiras, que non remataron coa publicación dos materiais, senón que crearon un vínculo permanente da musicóloga con Galicia. Algunhas das persoas que lle serviron de informantes seguen mantendo a relación con ela.

Os fondos orixinais chegan ao Museo do Pobo Galego, doados pola Dra. Schubarth para a súa incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade. Durante as dúas últimas semanas, a Dra. Schubarth veu traballando en estreita colaboración con Concha Losada, patroa da institución e coordinadora do APOI, para integrar no arquivo os rexistros en cinta magnética e mais o material musical e textual asociado.

As gravacións orixinais serán integramente dixitalizadas e incorporaranse ao arquivo, onde poderán ser consultadas e estudadas por outros especialistas. Unha parte destes materiais, que non foron editados no seu día pola Fundación Barrié, será analizada e publicada na rede para facela accesible ao publico a través do portal www.apoi-mpg.org