O fondo Schubarth/Santamarina incorpórase ao APOI Imprimir Correo-e

O 27 de novembro asinouse a acta de doazón ao Museo do Pobo Galego do arquivo sonoro recompilado por Dorothé Schubarth, coa colaboración de Antón Santamarina, entre 1978 e 1983.

 

No ano 1978, a musicóloga suíza Dorothé Schubarth chega a Galicia para estudar a nosa música popular. Para o seu traballo contou coa colaboración de Antón Santamarina, doutor en Filoloxía e catedrático da Universidade de Santiago, que participou directamente na recollida, transcrición e análise dos textos. Coa parte máis substancial dos materiais recollidos no traballo de campo a Fundación Barrié inicia en 1984 a publicación en sete volumes, baixo o título Cancioneiro popular galego. Esta obra, que se axusta a un sistema de clasificación e estudo etnomusicolóxico inédito daquela por estas terras, constitúe un corpus fundamental para o coñecemento do noso acervo folclórico. http://www.fundacionbarrie.org/cancioneiro/

Foron cinco anos de traballo arreo por aldeas, montes e corredoiras, que non remataron coa publicación dos materiais, senón que crearon un vínculo permanente da musicóloga con Galicia. Algunhas das persoas que lle serviron de informantes seguen mantendo a relación con ela.

Os fondos orixinais chegan ao Museo do Pobo Galego, doados pola Dra. Schubarth para a súa incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade. Durante as dúas últimas semanas, a Dra. Schubarth veu traballando en estreita colaboración con Concha Losada, patroa da institución e coordinadora do APOI, para integrar no arquivo os rexistros en cinta magnética e mais o material musical e textual asociado.

As gravacións orixinais serán integramente dixitalizadas e incorporaranse ao arquivo, onde poderán ser consultadas e estudadas por outros especialistas. Unha parte destes materiais, que non foron editados no seu día pola Fundación Barrié, será analizada e publicada na rede para facela accesible ao publico a través do portal www.apoi-mpg.org