Imprimir Correo-e

Cales son os obxectivos do APOI?


Malia o camiño andado por institucións públicas e privadas e por persoas particulares, pensamos que segue sendo necesaria unha recollida sistemática de testemuños do noso patrimonio oral, debidamente ordenados e clasificados cuns criterios técnicos que permitan o acceso a investigadores, xestores creadores e promotores culturais.
Grazas a este labor de conservación, ordenación e posta a disposición de sectores interesados, o patrimonio oral pode potenciar dous dos valores que lle asigna ao conxunto patrimonial o antropólogo W.D. Lipe: o valor asociativo, na medida en que se conservan aspectos do imaxinario e valores do grupo, e o valor informativo, en tanto que se converten en documentos aptos para a investigación histórica, antropolóxica ou artística, e tamén para a difusión cultural de maneira directa ou indirecta.

Un primeiro e grave problema é o estado de conservación dos materiais dispoñibles. Dadas as características técnicas das cintas magnéticas nas que a maior parte foron recollidos, o seu deterioro é grande, e moitas delas non resistirían máis de unha ou dúas audicións sen agravarse o seu estado de xeito irreversible. Un segundo problema é a necesidade de someter os materiais "en bruto" a un proceso de edición coa finalidade de trocalos en documentos aptos para a consulta e a divulgación. O proxecto abrangue as seguintes etapas:

1. Dixitalización dos materiais orixinais cedidos polos compiladores; os orixinais e unha copia dixitalizada devólvense aos seus propietarios.
2. Edición das gravacións.
3. Transcrición dos materiais musicais.
4. Confección do arquivo sonoro. Creación da base de datos referencial e documental anexa aos rexistros de son.

Que datos han de se incorporar ao arquivo ademais das gravacións?


Optamos por crear unha ampla base de datos que permitise albergar un gran número rexistros de interese etnográfico e cultural no sentido mais xeral. Isto dará oportunidade aos usuarios de faceren estudos relacionais e, no seu caso, empregar criterios de busca non habituais. Partimos da certeza de que os fenómenos culturais son altamente interdependentes e dificilmente separables nas súas manifestacións e que as abordaxes interdisciplinares serán as máis enriquecedoras para unha comprensión integrada da nosa historia e a nosa cultura.

Organizouse así a base de datos incorporando epígrafes en relación con: - Os datos de identificación e rexistro da peza; - O traballo de campo no que se obtivo: - Os datos do compilador, informante, intérprete... - O entorno xeográfico e temporal; - O entorno de uso da peza; - As características técnicas do rexistro de son; - O rexistro e soporte orixinal:  - O procesado dixital; - A delimitación e corte da peza; - Os datos do dixitalizador; - O traballo de transcrición; - Os datos e características da peza, música e letra, de ser o caso; - Os datos do transcritor; - O estudo teórico da peza; - Os textos e publicacións sobre a peza; - Os vídeos e rexistros dixitais; - Os datos sobre existencia de variantes; - Os estudos existentes.

Sen prexuízo do libre acceso do público aos fondos do arquivo, dentro do sitio de acceso virtual establécese un acceso restrinxido para colaboradores acreditados (aquelas persoas que xa figuren no arquivo como autores de compilacións, dixitalizacións, transcricións ou estudos) que permitan unha comunicación directa e fluída coa sede do arquivo e os seus responsables para realizar novas achegas, rexistrar datos, consultar estado de traballos en fase de realización, etc.

Que intereses e demandas poden ter os nosos colaboradores e usuarios en relación co arquivo?


Ou, dun modo mais concreto, como compatibilizar a esencia de servizo público para a salvagarda e oferta de bens culturais –a liberdade de acceso aos datos do arquivo– co recoñecemento aos dereitos dos autores que poñen a disposición os seus rexistros orixinais e estudos, que son resultado, en tantas ocasións, de moitos anos de traballo?

A publicidade dun traballo, a replicabilidade das súas achegas e –chegado o caso– a posibilidade de criticar, utilizar e incorporar noutros traballos os seus resultados, é precisamente o que lle outorga ao compilador a condición de investigador en troques de simple coleccionista de bens con dereito exclusivo de uso e lecer persoal. Quen publicamente dá a coñecer o seu traballo conságrase como autor do traballo; e o mesmo público dá testemuño da súa condición de autor citando a procedencia do que ten recibido de outro.

Cal é o proceso que segue a información recibida no APOI?


Cando unha peza ou conxunto de pezas entra no APOI o cedente a incorpora (asinando en persoa e data a súa cesión) para facela pública e convértese así publicamente en “autor” do seu traballo de recollida. Reciprocamente, a institución receptora dá conta por escrito da súa recepción en persoa e data. Cada vez que se amose e publique un rexistro do arquivo, preséntase a peza anexa á data de entrada e aos datos de autoría de todos os traballos que conleve, tanto os traballos de campo (recollida e compilación), coma os traballos técnicos (dixitalización) ou teóricos (transcrición da partitura, estudos varios...). Todos poderán utilizalos baixo a condición de citar lexitimamente a fonte coa correspondente autoría. En todo caso, o rexistro de entrada no arquivo dará sempre conta da data e persoa que fixo a entrega orixinal e a prelación temporal e autoría serán derivadas e respectadas. Naturalmente, pódese copiar sen citar, tal e como se pode facer mal uso de calquera fonte. Só entre nós, publicamente, podemos protexer o traballo de cada quen.

Desde o momento en que os autores cedan ao APOI os seus materiais de calquera carácter, pasarán, como tales autores, a formar parte dos fondos do propio arquivo na súa condición de compiladores, informantes, dixitalizadores, transcritores, estudosos,... e figurarán nos listados públicos que o arquivo ofrece para cada condición que puidera ser obxecto de busca. Isto asegurará o recoñecemento público da súa autoría en relación co traballo que figura anexo á súas fichas e fará posible que, preservando o seu recoñecemento, todo o público poida aproveitar lexitimamente os froitos do seu traballo.